sábado, 19 de diciembre de 2015

Festival de Nadal 2015

Chegou o día. As panxoliñas, representacións teatrais, coreografías, acrosport, cancións... que con tanta ilusión reparáronse estes días foron postas en escena ante un público entregado. Podedes ver máis fotos aquí.



Tamén queremos agradecer a tod@s @s que colaboraron no II Rastro Solidario. Todos os alimentos recollidos xa foron entregados a un Banco de Alimentos. 
Grazas!!!

miércoles, 16 de diciembre de 2015

III Certame fotográfico: Os Alimentos

O III Certame fotográfico, que está relacionado coma sempre co noso PDI "Alimentación saudable", terá por tema os alimentos.
Este curso adiantamos a súa convocatoria para que os que desexedes participar podiades facer as vosas fotografías cos distintos tipos de alimentos que se poden atopar nas diferentes épocas do ano.



 Podedes presentar as vosas composicións fotográficas a partir de agora ata o mes de maio.
Agardamos a vosa participación!

lunes, 14 de diciembre de 2015

II Rastro Solidario

Con motivo das Festas de Nadal e sendo conscientes das necesidades que algunhas familias están a pasar nestes tempos, o curso pasado levamos a cabo o I Rastro Solidario con gran éxito. 
Este curso queremos repetir a experiencia por iso o venres día 18 de decembro, antes do comezo do Festival de Nadal, as familias da comunidade educativa que o desexen poderán traer un alimento non perecedoiro e cambialo por un libro.


Todo o recadado será doado a un Banco de Alimentos próximo ao centro.
Contamos coa vosa colaboración!!


Devoradores de libros: Lucía

Xa temos un novo rostro no noso recanto dos Devoradores de Libros: Lucía foi a nena que máis libros leu no mes de novembro.
Parabéns!!!



domingo, 13 de diciembre de 2015

PDI "Alimentación saudable": Visita a Bueu

Hai uns días realizamos unha estupenda visita á localidade de Bueu.
Coñecemos de primeira man os pescados, mariscos, carnes e froitas que se poden adquirir no seu mercado. Algún peixe-sapo abríu ben a boca ao vernos!



Logo descubrimos os tesouros agochados no museo Massó e quedamos abraiados coas dimensións das baleas.
E xa para poñer a guinda a esta fabulosa xornada, coñecemos, moi de cerca, os cultivos, as especies de plantas, os lombricomposteiros... do Horto Ecolóxico Agrelo. Un día ben aproveitado!


Podedes ver todas as fotos aquí.


Mochilas Viaxeiras

Xa están aquí os primeiros traballos das Mochilas Viaxeiras. E, coma sempre, son fantásticos. 
Podedes velos premendo aquí

viernes, 27 de noviembre de 2015

Loito nas Letras Galegas.

Hoxe deixounos un dos bos e xenerosos, o escritor Xosé Neira Vilas, autor de "Memorias dun neno labrego", o libro máis lido da literatura galega.

Neira Vilas, narrador, ensaísta, periodista e poeta, mantiña unha carreira literaria aínda en activo. Entre a súa importante obra tamén destacan os libros infantís "Cartas a Lelo" e "O cabaliño de buxo".
Ao longo da súa traxectoria obtivo multitude de recoñecementos: membro da Real Academia Galega, Doctor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, Medalla Castelao, Pedrón de Ouro, Premio da Crítica Galega e da Crítica Española, Celanova dos Poetas,...

Se queredes saber máis podedes premer aquí:


miércoles, 25 de noviembre de 2015

Devoradores de libros: Victoria

Xa temos a primeira devoradora de libros deste curso.
Victoria volve ser a lectora máis infatigable da nosa biblioteca.
Parabens!!! 

Coidado coa internet!

Ei! Atención!
Hai uns días veu a Policía Nacional ao noso centro e... sabedes do que nos falaron? Do bullying.
Dicía o policía que o bullying é cando un neno ou nena insúltache ou maltrata física ou psicolóxicamente ao longo dun tempo.
Do ciberbullying comentou que se trata de que che maltratan psicolóxicamente a traves das redes sociais.
Tamén nos falaron dos riscos da internet , é dicir, que hai que ter coidado co que colgas nas redes.
Amigos! Moito coidado co que facedes!
(India Castro López, 5º E.P.)


"Os riscos de seguridade asociados á utilización da internet e as novas tecnoloxías (uso das redes sociais, acoso escolar,..)" foron o tema das charlas educativas impartidas pola Policía Nacional que tiveron lugar o venres día 13 no noso cole para o alumnado de 5º e 6º de primaria e para as familias. 




sábado, 14 de noviembre de 2015

É tempo de Magosto

Onte, no cole, celebramos o Magosto. Mirade que ben o pasamos.




E aquí tamén podedes ver os traballos da exposición de Manualidades de Outono.
ARTISTAS!!!


martes, 10 de noviembre de 2015

Preparando o Magosto: a castaña.

Como sabedes este curso o noso PDI trata sobre a Alimentación Saudable así que  investigando por aí descubrín que a castaña é un dos froitos de outono máis saudables.

A castaña é un alimento moi san. Ten poucas calorías e un alto contido en fibra, proteínas e hidratos de carbono. É unha boa fonte de minerais, entre os que destacamos o magnesio, potasio, ferro e fósforo, e atribúenselle propiedades tanto antiinflamatorias como vasculares. Tamén é adecuada contra o  estreñimento e  nas dietas de adelgazamento.  



Ademáis a castaña constitúe unha importante fonte de vitaminas do grupo B, indispensables para combater a fatiga física e mental, a anemia e para recuperarse de estados carenciais.
É un alimento excelente!!!

Se queres saber máis preme aquí:
E, por suposto, tamén na nosa biblio.

Agárdote alí! Un saúdo.
O Berberecho Checho.

lunes, 9 de noviembre de 2015

Manualidades de outono

Xa temos aquí as vosas primeiras manualidades. Piñas, follas, landras,...todo vale para facer auténticas obras de arte. 



Animádevos, aínda estades a tempo de sorprendernos cos vosos traballos.

jueves, 29 de octubre de 2015

Moito maxín hai no Samaín...

...é hora de contar historias de medo e botar a rir.

Hoxe foi un  día especial...por fin chegou o Samaín.
O concurso de Contos de Medo tivo moito éxito e algúns deses relatos foron elexidos para o obradoiro de Contacontos. Os autores fixérono realmente ben e todos o pasamos de medo coas súas historias.


Pero non só iso, tamén tivemos obradoiros de Maquillaxe e de Debuxo.



Para este último eliximos unha dinámica de traballo cooperativo, o folio rotatorio, coa que se trata de adquirir conciencia de equipo, aceptar as preferencias do outro e traballar xuntos para conseguir o mesmo obxectivo.



E non nos podíamos esquecer da exposición de cabazas. Superámonos cada ano en participación e orixinalidade.



Moitas grazas ás familias pola súa colaboración!!!

Preme aquí para ver todas as fotos.

lunes, 26 de octubre de 2015

Preparando o Samaín

Morcegos, arañas, cabazas, pantasmas,… estamos preparando todo para o Samaín


Nos corredores e nas aulas e tamén na biblioteca

Pero, por que celebramos o Samaín? Preme aquí e o saberás.

E  mentras esperamos o gran día...a mover o esqueleto co "Brinca Vai!": No Samaín, de Paco Nogueiras (Kalandraka)

 

domingo, 25 de octubre de 2015

Esta semana ímolo a pasar de medo!!!

E nada mellor que comezar cun concurso. Animádevos e participade.




E para meterse en faena aquí tedes esta historia da editorial OQO: Fiz, o coleccionista de medos

              


Agárdovos na biblio!!!
Un saúdo. Checho.

viernes, 23 de octubre de 2015

24 de outubro, Día da Biblioteca

O 24 de Outubro é recoñecido como o Día da Biblioteca, desde que hai anos comezara a celebrarse grazas ao empeño da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, no 1997, e que mellor que reunirnos hoxe todos na nosa biblioteca para celebralo.

Alí presentáronse as bibliotecas de aula 


O novo proxecto documental integrado que desenvolveremos este curso "Alimentación saudable" 


E as mochilas viaxeiras que con tanta ilusión todos estabades a esperar.

Agardamos os vosos traballos e que disfrutedes delas con toda a familia.

Podedes ver máis fotos aquí.
Un saúdo. O berberecho Checho.

jueves, 22 de octubre de 2015

Froitas de outono

Este ano o noso Proxecto Documental Integrado está dedicado á Alimentación Saudable polo que realizaremos moitas actividades ao longo do curso relaccionadas con este tema.
Xa sabedes que, igual que o  curso pasado,  as merendas dos mércores deben ser a base de froita e desde este mércores estamos a degustar feixoas e guaiabos fresa proporcionados pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro que temos aquí en Lourizán, no Rozo.



Nos próximos días tamén poderemos tomar noces e castañas.

Agardamos, con estas iniciativas, axudar a mellorar a alimentación dos nosos nenos. 
Podedes ver máis fotos aquí

lunes, 19 de octubre de 2015

Outubro, mes das bibliotecas escolares

Outubro é un mes moi especial porque comezan as actividades da nosa biblioteca e estamos a preparar moitas cousas: novas bibliotecas de aula, novas mochilas viaxeiras, novo Proxecto Documental Integrado,.. e, se cadra, algunha que outra sorpresa. 
E aínda que xa sabemos que todos vos sodes uns bos usuarios da biblioteca, non está de máis recordar as súas normas.


Agárdote na biblio! Un saúdo.
O Berberecho Checho.

lunes, 12 de octubre de 2015

16 octubre, Día Mundial de la Alimentación.

O16 de outubro de cada ano, celébrase o Día Mundial da Alimentación, proclamado en 1979  pola Conferencia da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, (FAO) 
O Día Mundial da Alimentación pretende espertar a conciencia de todos para así loitar contra a fame, a malnutrición e a pobreza na que viven persoas en todo o mundo.



Este curso aprenderemos moitísimas cousas sobre como ter unha alimentación saudable así que se queredes empezar a informarvos podedes facelo aquí:

http://www.gastronomiaycia.com/2015/10/11/dia-mundial-de-la-alimentacion-2015/
http://www.enredate.org/cas/-dia-mundial-de-la-alimentacion

E, por suposto, tamén na nosa biblio.

Agárdote alí! Un saúdo.
O Berberecho Checho.

miércoles, 7 de octubre de 2015

A Metasequoia de Lourizán aspira a Árbore Europea 2016

Sabedes que moi preto do noso cole, no Pazo de Lourizán, temos unha árbore tan especial que pode ser catalogada como un verdadeiro  fósil vivente?
Trátase desta metasecuoia e foi seleccionada  como unha 
das candidatas españolas ao concurso Árbore europea do ano 2016 

O obxectivo deste concurso é destacar as interesantes árbores vellas como un importante patrimonio natural e cultural que deberiamos apreciar e protexer, no que non é importante a beleza, o tamaño ou a idade, senón a historia e a conexión coas persoas. Son árbores que se converteron nunha parte integrante da comunidade no seu sentido máis amplo.



E, por suposto, tamén na nosa biblio.

 Agárdote alí! Un saúdo.
O Berberecho Checho.

Todo preparado na nosa Biblio para que comeces a explorar.....

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido para o cartel da campaña anual das bibliotecas escolares de Galicia.
Este lema chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido. 
Esperamos que te divirtas!



Agárdote na biblio! Un saúdo.
O Berberecho Checho.

Xa estamos de volta!

Xa estamos aquí un curso máis, con moitos ánimos e novas ideas que esperamos poder levar a cabo coa vosa colaboración.
Benvid@s a tod@s á Biblio do Checho!!!



Agárdote na biblio! Un saúdo.
O Berberecho Checho.

martes, 30 de junio de 2015

E para rematar o curso.... un agasallo!

A semana pasada recibimos unha sorpresa. Dende o IES "As Barxas" de Moaña enviáronnos o álbum ilustrado "Barxilón no mar de latón", resultado do seu proxecto educativo "Barxas emprende: Creación dunha editorial" que tamén contou coa colaboración doutros centros educativos.
O único que nos pedían era unha foto, na nosa Biblio do Checho, co libro. Así que aquí está.

Moitas grazas e parabéns a tod@s @s que colaboraron neste proxecto que resultou gañador do "I Concurso Proyecta Innovación"

viernes, 26 de junio de 2015

Roteiro Castelao

Ao final de curso, o alumnado do 3º ciclo, facemos unha visita a Pontevedra co fin de coñecela un pouco máis a fondo, de aprender a guiarnos pola cidade e a sentirnos máis autónomos e independentes ante a nova etapa que se aproxima.
Este ano, aproveitamos esta saída para realizar o Roteiro Castelao, actividade promovida polo Concello de Pontevedra, que ten por finalidade coñecer non só a figura deste ilustre escritor galego, senón tamén a relación que mantivo coa nosa cidade.
Previamente realizamos un traballo de investigación arredor deste insigne galego que nos permitiu coñecer a súa vida, a súa obra e as razóns polas que se convertiu nun referente para Galicia.
(Cristina Sanz, 6º) 

 

Podedes ver máis fotos aquí.

Roteiro dos Bolechas

Días atrás, o alumnado de 1º e 2º curso de primaria desplazouse a Pontevedra para realizar o Roteiro dos Bolechas, organizado polo Concello para dinamizar o uso da lingua galega entre os nenos.
Coa "Excursión pola zona vella de Pontevedra" fixeron un percorrido guiado polo centro histórico da man dos personaxes creados por Pepe Carreiro, os Bolechas, co obxecto de ligar o uso do idioma aos espazos urbanos da cidade, recuperar e difundir a memoria histórica de Pontevedra.
Posteriormente remataron no mercado de abastos para dalo a coñecer aos alumnos e alumnas.    


Podedes ver as fotos aquí.

miércoles, 24 de junio de 2015

A tía Lambida

Dadas as boas aptitudes que presentaban para a dramatización e a boa sintonía do grupo, os alumnos de 2º de primaria estiveron traballando nun obradoiro de teatro, ao longo de todo o curso, un día á semana polas tardes.
Ensaiaron a obra "A tía Lambida" do escritor galego Eduardo Blanco Amor.
O pasado martes, con motivo de fin de curso, representárona para amosar a pais, familiares e amigos o seu traballo  e mailas súas dotes de actores.         

   

A finalidade deste obradoiro era, aproveitando as boas cualidades dos alumnos, estimular e desenvolver neles a autoestima, a expresión oral, a perda do medo escénico, a orde, a responsabilidade, a solidariedade e o respecto.
Ao longo dos meses fóronse descubrindo novos valores nos alumnos e así atopámonos con algúns que teñen tamén dotes para cantar.         

 

Este é o inicio do que pode chegar a ser unha aula de teatro, onde tivesen oportunidade de poder continuar coa expresión dramática.      

      

Podedes ver máis fotos premendo aquí.

Presentando o Proxecto Documental Integrado

Como ben sabedes, este curso o noso Proxecto Documental Integrado (PDI) xirou en torno ao libro de Josu Díaz García, "Papel en blanco".
Chegou o momento de expoñer todo o que aprendemos e os traballos realizados foron de un alto nivel no que o uso das TICs estivo moi presente.

Neste vídeo podedes ver toda a investigación que realizaron os alumnos de E. Infantil sobre o papel.   




Neste outro vídeo, os alumnos de 1º e 2º de primaria expuxeron os seus traballos en torno ao libro "Papel en blanco"



E aquí temos a presentación de 3º e 4º de primaria:          



Os de 5º curso mostráronnos un power point que titularon "Novas sobre o papel"    


E aquí vemos aos de 6º curso na representación teatral de varios capítulos de "Papel en blanco"   



E para rematar, entregáronse os premios do II Certame Fotográfico: O papel. 
Dada a calidade e orixinalidade das fotografías presentadas, o xurado decidiu premiar a todos os participantes. Parabéns a todos eles e as súas familias pola súa colaboración.    


     

A exposición podédela ver  na entrada do cole.

E podedes ver máis fotos premendo aquí 

jueves, 4 de junio de 2015

...E as nosas grullas voaron ata Xapón.

O ano 2014 foi especial por varios motivos. Un deles foi o traballo que fixemos para celebrar o día da Paz que, como tod@s sabedes, ten lugar o 30 de xaneiro.
No colexio estuveramos a ler a triste historia de Sadako Sasaki, cousa que nos impactara moitísimo, e decidimos construír grullas de papel entre todos, para tentar envialas a Xapón.
Todo o colexio traballou con ilusión e, a fin de curso, empaquetamos as grullas unha bonita caixa, xuntámoslles unhas fotos e máis unha carta, chamamos á embaixada do Xapón en Madrid para conseguir a dirección da Hiroshima Peace Culture Foundation, que é onde está o monumento a Sadako, e enviamos o paquete.


Pasou o verán e, ao voltar das vacacións, levamos unha gran alegría cando vimos que chegara unha carta... de Hiroshima!!!
Na carta agradécennos a nosa solidariedade con eles e comparten con nós e con todas as persoas de boa vontade o desexo de que a PAZ sexa o motor que faga andar ao Mundo, un Mundo xusto e respectuoso.   


Agora podemos dicir que un pedaciño de nós, da Carballeira de Lourizán (as nosas grullas) está no monumento a Sadako e forma parte do movemento universal pola PAZ e a NON VIOLENCIA.
Sentímonos profundamente orgullos@s e queremos compartilo con vós.


Receitario de contos

Este mércores, o alumnado de E. Infantil participou na actividade "Receitario de contos", patrocinado polo Concello de Pontevedra. Os seus obxectivos foron: utilizar a lectura como medio de aprendizaxe e entretemento, fomentar o gusto polos contos e aprender a importancia da biblioteca e as súas normas.


Transformados en expertos cociñeiros, os nenos axudaron a Marta, a contacontos, a elaborar un saboroso conto que quedou plasmado en cada un dos receitarios cos que ela os obsequiou para poder seguir enchéndoos con futuras receitas dos máis fantásticos contos.
Podedes ver as fotos premendo aquí.



miércoles, 3 de junio de 2015

Mochilas viaxeiras

Rematamos a andaina das mochilas viaxeiras pero non vos preocupedes, o curso que ven regresarán para que poidades disfrutar de grandes momentos de lectura compartida en familia.
Estos son os vosos derradeiros traballos.       


Podedes ver máis premendo aquí.     
Agárdovos na biblioteca!
Un saúdo. O bererecho Checho.
Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.