jueves, 28 de mayo de 2015

Letras Galegas 2015

O pasado venres rematamos as actividades que durante varios días viñemos realizando con motivo da celebración do Día das Letras Galegas coa elaboración de diversos murais, a visualización dun audiovisual sobre Filgueira Valverde, o autor homenaxeado este ano, e a entrega de premios e diplomas aos participantes no V Certame Literario.
Parabens a todos polo voso traballo e esforzo.


Podedes ver máis fotos premendo aquí.

viernes, 22 de mayo de 2015

Cóntame un conto!: Letras Galegas 2015

En vista do éxito acadado o curso pasado, este ano voltamos solicitar a colaboración das familias para realizar unha actividade que entusiasma aos máis cativos. Esta semana tivemos a sorte de contar con Mar, Nadia, Bea, Ricardo e Tamara para que enchesen de fantasía a aula de infantil cunhas historias marabillosas que tanto gustan aos pequenos.

O luns Mar, a nai de Mateo, presentounos "O monstro de cores", un libro magnífico para aprender a identificar as emocións e as cores.


O martes Nadia, a nai de Teo, tróuxonos "A vaca que puxo un ovo", xenial, divertido, orixinal e cun final sorprendente.


O mércores tocoulle a Bea, a nai de Julé que foi quen elexíu "A viaxe de Pancho", o elefante gris que xunto cos seus amigos vivirá moitas aventuras buscando o seu fogar.


O xoves Ricardo, pai de Ricardo, leunos "A galiña roxa", un conto tradicional que nos lembra a importancia do sacrificio e do esforzo.


E o venres Tamara, a nai de Xian, rematou con "Amelia quere un can", unha divertida historia onde unha nena moi espelida consegue que o seu pai vexa o mundo a través dos seus ollos. 

Dende a Biblioteca do Berberecho Checho agradecemos a vosa labor, fortalecendo o vínculo entre a familia e a escola e achegando os máis pequenos a un mundo cheo de imaxinación. Moitísimas grazas!

Podedes ver máis fotos aquí.

lunes, 18 de mayo de 2015

II Certame fotográfico: O Papel.

Co motivo do noso Proxecto Documental Integrado (PDI), este ano convocamos o II Certame fotográfico: O Papel.
Agardamos as vosas fotos na Biblioteca do Checho.


Marcapáxinas: Letras Galegas 2015

Despois do éxito acadado polos marcapáxinas conmemorativos o curso pasado, voltamos repetir a experiencia.
Durante toda a semana, pásate pola biblio e elabórao a teu xeito.


Agárdote na biblio!!! Un saúdo.
O Berberecho Checho. 

viernes, 15 de mayo de 2015

Xosé Filgueira Valverde: Letras Galegas 2015

O pontevedrés Xosé Fernando Filgueira Valverde foi escollido pola Real Academia Galega como autor a homenaxear no Día das Letras Galegas do ano 2015.



Para saber máis da súa biografía e da súa obra podes premer aquí:

http://realacademiagalega.org/letras-actual

Obradoiro de alimentación saudable

Os alumnos de 1º a 4º curso de primaria do noso cole participaron nunha merenda saudable co obxectivo de impulsar bos hábitos referidos á alimentación, dándolles a coñecer outras opcións para almorzar ou merendar e así erradicar do ámbito escolar as chucherías e bolos industriais.
Desta vez, no obradoiro fíxose:
-Pan con tomate e aceite.
-Batido de iogur natural con melocotón.
-Froitas variadas.
Previamente presentóuselles aos alumnos vídeos sobre alimentación saudable. Posteriormente, traballáronse na aula fichas sobre o tema.
A valoración do obradoiro foi altamente positiva, o que da pé para continuar e ampliar estes contidos para o vindeiro curso.

Podedes ver máis fotos premendo aquí.

miércoles, 13 de mayo de 2015

Quentando motores: Letras Galegas 2015

Quedan poucos días para o 17 de maio, día das nosas Letras Galegas, e aquí, no cole, estamos a preparar una chea de actividades para celebralas como se merecen
Para comezar, dende a organización do Correlingua propuxéronnos levar a cabo unha actividade arredor dun Fotocol (photocall).
Diante dun fondo co lema deste ano -Galego, a nosa creación común- os nosos alumnos fixéronse fotos suxeitando "bocadillos" alusivos ao fomento do galego.
Mirade que guapos saíron todos.




Podedes ver todas as fotos aquí.

domingo, 3 de mayo de 2015

23 de abril: Día do libro

E chegou o día e con el, o resto das actividades que con entusiasmo e ilusión prepararon os nosos alumnos.

Os rapaces de 3º e 4º realizaron un kamishibai coa historia do Paxaro Puhuy, unha fermosa lenda americana.


Os maiores de 6º presentáronnos en PowerPoint as súas vivencias en torno aos libros.  

Os nenos de 2º relatáronnos unhas historias da súa invención que nos deixaron engaiolados. 


Úrsula demostrounos o seu bo facer como creadora e ilustradora dun bonito conto.  


Os pequenos de Infantil agasallaron aos de 6º de Primaria cos debuxos que realizaron dos contos que lles contaron.

E, para rematar, todos os nenos do cole recibiron un marcapáxinas e un diploma pola súa participación nesta festa da literatura.
MOI FELIZ DÍA DO LIBRO!!!


Podedes ver todas as fotos aquí.

“Cóntame un conto”

Comezamos a semana do libro coa actividade máis esperada polos pequerrechos do cole, "Cóntame un conto", onde os compañeiros de 6º de primaria, de luns a xoves, foron a lerlles con moito agarimo contos escollidos da nosa biblioteca.


Os demais alumnos de primaria tamén tiveron a súa propia actividade de contacontos, xa que nestes días leron aos seus compañeiros diversas historias de produción propia.

                                     

Podedes ver todas as fotos aquí.

Abril, mes do libro


Chegamos a abril, mes do libro, e dende a biblio do Checho preparamos unha serie de actividades para celebralo como se merece.

Como seguro que sabedes, o día 23 de abril foi elixido como "Día Internacional do Libro", pois coincide co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespearee e o Inca Garcilaso de la Vega na mesma data no ano 1616.

O 15 de novembro de 1995, a UNESCO decidiu proclamar este día, Día internacional do libro e dos dereitos de autor.Quería destacar deste xeito a importancia do libro, que foi historicamente o medio de difusión máis importante do coñecemento así como unha ferramenta esencial de enriquecemento cultural.

Se queredes saber máis premede aquí:





Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.