viernes, 28 de octubre de 2016

Dálle a lingua

Un ano máis, os alumnos e alumnas de Primaria participamos na actividade escolar "Dalle á Lingua", proxecto de promoción da lingua galega a través da radio que emite ONDA CERO, co patrocinio de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.



Este curso, gravamos para ONDA CERO  intervencións moi variadas e interesantes que serán emitidas a semana do 21 de novembro ao 25 (de luns a venres) a partir das 11:50 h.

Poderemos escoitalas en directo na radio, na frecuencia 103.6 FM ou ben na internet (pincha na imaxe se queres acceder á emisora): 




Agardamos que vos guste o que vos contamos a través da radio.


Se queredes ver máis fotos da actividade pincha aquí.

jueves, 27 de octubre de 2016

Visita a Marfrío

O mércores 19 de outubro, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria, realizamos unha interesante saída a pé ata Marfrío (empresa de conxelados da zona), sita no Porto de Marín. 


O Director de Calidade da empresa fixo de guía. Explicounos certas normas seguridade e, logo, comentounos a que se dedica a fábrica: elaboración de produtos conxelados a partir do calamar, pota, potón e peixes.
Abraiáronnos os conxeladores, eran enormes! Dixéronnos que a temperatura dos productos finais mantense sempre a -18º e que nunca se rompe a cadea de frío dos alimentos .



Logo, mostráronnos gran parte das instalacións do edificio: sala de desinfección de calzado, enfermería, almacén de fariñas, ...
Seguidamente, explicáronnos que a materia prima coa que traballa a fábrica chega conxelada. 


Ensináronnos como preparaban os calamares para cortar, cociñar e prefritir e; despois, facer as argolas de calamares.

Amosáronnos diferentes procesos: desconxelación, limpeza, corte en rodas, relavado, escaldado ...

Despois indicáronnos como o  prefriten e como o glasean.
O último que fan é envasalo e colocalo nos frigoríficos para conservar a cadea de frío a -18º. 
Amosáronnos como queda o produto despois de envasalo e listo para saír ao mercado.
Como mostra, invitáronnos a unha saborosa degustación dos seus preparados cociñados (argolas de calamar, croquetas de xamón e “palitos” de pescada). Estaban   exquisitos!!

Aprendemos unha morea de cousas. E o mellor de todo.., pasámolo moi ben!!  


Sara  e India (6º EP)

Podedes ver máis fotos aquí.

lunes, 24 de octubre de 2016

Día das Bibliotecas Escolares


O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares. Este ano o lema é: “Biblioteca Escolar, Territorio das Artes”. 
Comezamos cunha selección e exposición dalgúns libros relacionados coa arte para consulta dos usuarios.


Amosamos as Bibliotecas de Aula dos distintos cursos.  


Presentamos oficialmente, tanto o tema do noso Proxecto Documental Integrado (PDI), "Alimentación saudable" (centrado nos alimentos de orixe animal), coma o libro que traballará todo o colexio relacionado coa alimentación: "Gordiño recheo". 
Por último, entregáronse as Mochilas viaxeiras.



Esperamos que vos divertirades no acto. Agora toca gozar da lectura en familia cos diferentes materiais seleccionados en cada mochila.

Pincha aquí se queres ver máis fotos.



Unha exposición de medo!

A Biblioteca do Checho xa esta preparada para celebrar o Samaín.


Ao longo desta semana, teremos expostos na Biblioteca libros relacionados co outono e co Samaín.



Animádevos e pasade pola Biblio, ben para consultar ou ben para levar para casa algún dos materiais seleccionados.


SAMAÍN!

Un ano máis chega o outono
dispostos estamos a vivir o magosto.
O noso colexio para mellor quedar
unha tarefa vos quere encargar.
Os nosos recunchos queremos encher,
e para iso cabazas has de traer.
O xoves expoñemos nas nosas prazas
as vosas achegas de fermosas cabazas.
Contade coa risa, contade co medo,
todo o que fagas haberá que poñelo.
Unha vez rematada a exposición,
cada un levará a súa creación.
Se a creación non é recollida,
o lixo será a única saída.
Xa de antemán, e non pode ser doutro xeito,
por suposto contade, co noso agradecemento


jueves, 20 de octubre de 2016

II Concurso Contos de Medo

Achégase o Samaín. Animádevos e  participade no II Concurso de Contos de Medo.


Se queredes inspirarvos un pouquiño..., aquí tedes esta historia da editorial OQO: A bruxa regañadentes.


Esperamos os vosos traballos!!

Novos usuarios da Biblio do Checho

Os nenos de catro e cinco anos de E. Infantil xa teñen o seu carné de usuarios da biblioteca e poden empezar a levar libros en préstamo.
Hoxe utilizaron este servizo por primeira vez e mirade que felices estaban.




Tedes toda a información no blog dos Pequerrech@s da Carballeira.

http://infantilcarballeira.blogspot.com.es/2016/10/estreamos-o-prestamo-de-libros-da.html

miércoles, 19 de octubre de 2016

Agasallo para a Biblioteca

Teo, o noso alumno de Educación Infantil, agasallou á Biblioteca do colexio cunha colección de DVD´s.
Dende aquí, querémoslle agradecer a súa aportación.


Xa sabedes que os nosos pequerrechos de Educación Infantil teñen un blog. Nel podedes consultar polo miúdo todas as actividades que van realizando. 
Animádevos a botarlle unha ollada!!


martes, 18 de octubre de 2016

Día Mundial da Alimentación

O 16 de outubro celelebrouse o Día Mundial da Alimentación. Este ano, co lema "O clima está a cambiar. A alimentación e a agricultura tamén", a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) fai un chamamento aos países para abordar a alimentación e a agricultura nos seus plans de acción climática e investir máis en desenvolvemento rural.




E é que cada 16 de outubro ponse de manifesto a importancia que teñen a alimentación, así como a loita contra a desnutrición, a fame e a pobreza.

Sobre o tema da alimentación traballaremos moito este curso, de cara ao desenvolvemento do noso PDI.


lunes, 17 de octubre de 2016

Apadriñamento lector

O apadriñamento lector é unha actividade de animación á lectura. Consiste en que os colaboradores da biblioteca sexan padriños/madriñas do alumnado de cursos inferiores para compartir momentos de lectura. Así as madriñas/padriños terán a función de suxerir e de ler contos aos seus afillados e afilladas.

Estes padriños e madriñas comezaron coa entrega ao novo alumnado de primeiro dos seus carnés de lectores. Asemade, o alumnado de segundo, aínda que xa veterano no uso da biblio, recibiu un novo carné.  




Imos ver que tal resulta esta nova experiencia.

Froitos de outono

Ao longo desta semana, os nenos e nenas do colexio degustarán durante os recreos froitos de outono, doados pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra).
Catarán guaiabas fresa, Kiwiños, peras, feixoas e noces.



Uns auténticos e saborosos manxares como merenda saudable.

miércoles, 5 de octubre de 2016

5 de outubro: "Día Mundial dos docentes"

Dende 1994, o 5 de outubro celébrase o Día Mundial do Docente. Esta data foi proclamada pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) e o lema deste ano é: "Valoremos ao docente, melloremos a súa situación profesional". Isto expresa a necesidade que existe de apoiar aos docentes, así como tamén, segundo establece un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, "garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa, e promover as oportunidades de aprendizaxe permanente para todos".


O Día Mundial dos Docentes, é unha ocasión para reflexionar sobre temas como o déficit de mestres, as barreiras que estorban a mellora da calidade na educación e as funcións que teñen os docentes na formación de mozos e mozas conscientes da súa condición de cidadáns do mundo.


Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.