martes, 20 de diciembre de 2016

Bo Nadal!!

Xa temos gañadora do Concurso de Postais de Nadal 2016. A tarxeta seleccionada para felicitarvos as festas foi creada pola alumna de 2º curso... María Vilas Fernández.
Parabéns María!!

Aproveitamos a ocasión para convidarvos ao Festival de Nadal que celebraremos mañá mércores 21 de decembro. 

Aquí vos deixamos o programa coas diferentes actuacións.


Non queremos irnos de vacacións, sen antes desexarvos, de parte de todo o profesorado do CEIP "A Carballeira"... 
Boas Festas e Feliz 2017!!!

Devoradora de libros de decembro... Sabela!

Non queremos despedir o trimestre, sen presentarvos a devoradora de libros do mes de decembro.
Sabela é a mellor lectora deste mes.
Parabéns!!!

O Apalpador

Como ben sabedes, nenos e nenas, o Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandingueiro, é unha figura lendaria galega que vive na Montaña e cada ano, o 24 de decembro ou o 31, baixa onda os nenos e nenas para ver como están. 



Gústalle moito ver que os cativos están fartucos, que comen ben, e por iso entra pola cheminea para palparlles a barriguiña. Se están ben cheas, marcha contento e déixalles como agasallo algún dos xoguetes que el mesmo fabrica durante todo o ano; se non comeron, déixalles unhas castañas.



Para tranquilizar aos rapaces bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais e nais cantábanlles unha cantiga.





Aquí vos deixamos esta Cantiga do Apalpador que gravou Malvela. A letra é tradicional e a música púxolla Ana Senlle. As ilustracións son do conto "O Apalpador" de Xoán G. publicado por Biblos Clube de Lectores.

lunes, 19 de diciembre de 2016

3, 2, 1 ... Nadal!!

Xa temos a árbore ideada cunha morea de grilandas...

Os corredores están adornados...

Contamos cunha chea de postais para o concurso...


O Apalpador xa está roldando polo corredor principal do colexio..., atusbando aos nenos e nenas para achegar agasallos polo Nadal. 


Así que, só temos que agardar un chisco, acougamos e ..., chega o Festival de Nadal.

viernes, 16 de diciembre de 2016

Operación Quilo - Nadal 2016

Estes últimos  cursos,  o día do Festival de Nadal, o Colexio ven realizando unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros para axudar ás persoas que máis o necesitan.

Este ano, non podiamos faltar ao noso compromiso con esta iniciativa e organizamos a “Operación Quilo” o día do Festival de Nadal,  mércores 21 de decembro.

Todas aquelas familias que desexen colaborar, poderán entregar no centro  a súa doazón antes da entrada ao Festival.

Todos os alimentos recadados serán entregados ao “Banco de Alimentos” da zona para ser distribuídos.


Agradecemos de antemán a vosa participación.

jueves, 15 de diciembre de 2016

Investigación en aulas ABALAR e E-dixgal

As aulas de 5º e 6º de Primaria participamos nos proxectos ABALAR e E-dixgal. 

Como ben sabedes, ambos proxectos buscan a integración plena das TICs na práctica educativa.


Froito do labor investigador, publicamos algúns dos traballos ideados polo alumnado. 
En primeiro lugar, presentámosvos un traballo sobre a Antártida.


Tamén queremos reflectir neste post outra investigación sobre Antártida:


Finalizamos engandindo as pescudas sobre o cume de novembro en Marrakech, organizado arredor do quentamento global.



Todas as dinámicas que desenvolvemos nas aulas ABALAR e E-DIXGAL, contribúen enormemente á Alfabetización Informacional (adquisición de competencias de uso, tratamento e produción de información en diferentes soportes e formatos), integrando a cultura impresa e a dixital.
Pincha na imaxe se queres ver máis foto

miércoles, 14 de diciembre de 2016

Hora de ler "Gordiño recheo"

A comprensión lectora é fundamental para desenvolver o pensamento, enriquecer o vocabulario e aprender, sen darnos conta.

A través do programa “HORA DE LER” e coa finalidade de desenvolver no alumnado a Competencia Lingüística, ao longo destes cursos, estamos levando a cabo no centro actividades de fomento de lectura que non só se centran na habilidade lectora senón tamén no interese pola lectura.

No colexio dedicamos 30 minutos diarios da primeira sesión á “Hora de Ler“ e fixamos entre os itinerarios lectores o libro “Gordiño Recheo”. 

Escollemos este libro pola relación que existe entre esta historia (a alimentación non saudable provoca enfermidades coma colesterol, hipertensión é obesidade) e o noso PDI “Alimentación Saudable”.

Xa estamos sumerxidos de cheo na lectura  desta obra. 
Nas aulas estamos a empregar diversas técnicas de lectura que van dende a lectura en voz alta á lectura en voz baixa, da lectura individual á lectura colectiva. 

A presentación do libro aos cativos de 1º, 2º e 3º de Primaria, foi preparada e realizada por Aarón e Sara de 6º.



Detivéronse na portada, o título, a autora, o protagonista, a idea principal...

Despois da exposición, organizaron e dirixiron un coloquio no que participaron todos activamente.

En definitiva, diferentes formas de traballar a lectura coas que pretendemos que os rapaces e rapazas logren un óptimo nivel de comprensión e expresión.

martes, 13 de diciembre de 2016

Maleta viaxeira

Os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria estamos realizando a actividade "Maleta Viaxeira". Levamos a casa unha maleta baleira onde gardamos varios obxectos (libros, xogos, fotos...) que sexan moi significativos para nós. 

Logo, voltamos con ela chea ao colexio e presentámoslle aos nosos compañeiros e compañeiras o seu contido. Explicamos porque os eliximos.

Esta dinámica empregámola para reforzar a unión do grupo e mellorar o coñecemento de todos nós. 

Asemade, fomenta actitudes de respecto dos nenos cara ao protagonista, aprendemos a escoitar, repectar turnos, falar en público ...Deste xeito, traballamos a expresión e a comprensión oral.

O día que temos que expor, somos os heroes e heroínas do grupo!
Pincha na imaxe se queres ver máis fotos

viernes, 9 de diciembre de 2016

Iniciamos os preparativos de Nadal

Empezamos cos preparativos de Nadal!
Na Biblioteca do Checho temos unha exposición de libros para festexalo. 
Agardámoste!!!

Arte e escultura no Museo e Café Moderno

No blog de escrita do colexio, Enfiando Palabras, tedes unha recompilación dos traballos realizados polos nenos e nenas de Primaria que participaron na saída ao Museo e o Café Moderno de Pontevedra.


Botádelle unha ollada!

miércoles, 7 de diciembre de 2016

6 de decembro: Día da Constitución


Cada 6 de decembro celebramos en España o Día da Constitución. 
A Constitución, aprobada no ano 1978, é a lei máis importante de España e nela aparecen:
- Os dereitos de todos os españois (dereito á educación, a saúde, a igualdade ...)
- Os nosos deberes (respectar as leis, protexer o medio ambiente ...) .
- O funcionamento do Goberno en España.
- A organización do territorio. 

Para que a entendades dunha forma divertida, deixámosvos esta actividade TIC da Junta de Castilla e León.

sábado, 3 de diciembre de 2016

3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

«Traballemos xuntos en prol da participación plena e en condicións de igualdade das persoas con discapacidade nun mundo inclusivo e sustentable que acolla á humanidade en toda a súa diversidade».

Mensaxe do Secretario Xeral das Nacións Unidas,
Día Internacional das Persoas con Discapacidade



O día 3 de decembro foi proclamado como Día Internacional das Persoas con Discapacidade na Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 1992.
Logo Nacións Unidas: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Este ano céntrase en promover os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) necesarios para alcanzar o futuro que queremos, e destacar o papel que desempeñan estes obxectivos recentemente establecidos na construción dun mundo máis inclusivo e igualitario para as persoas con discapacidades.

Para rematar, recomendámosvos unha curtametraxe infantil sobre discapacidade: "El cazo de Lorenzo". Pretende fomentar a aceptación da diversidade funcional (persoas que non poder camiñar, falar, ver, oír ...) con naturalidade e sen prexuízos, ao mesmo tempo que axuda a descubrir e aceptar as nosas propias capacidades e limitacións.


A través deste curto, podemos tratar cos nenos a gran diversidade de persoas que nos rodean, partindo de que esas diferenzas non lles converten en seres alleos con necesidades distintas. Todos necesitamos amor, enfadámonos, frustrámonos... A todos nos doen e nos fan sorrir as mesmas cousas.

viernes, 2 de diciembre de 2016

Manualidades de outono

Todo esforzo ten a súa recompensa!

Ao longo do mes de novembro, no corredor principal do colexio, expuxemos as manualidades de outono que elaborástedes en familia.

Este venres entregamos, a todos aqueles rapaces e rapazas que participaron, un diploma.

Realizástedes auténticas creacións!
Pincha na imaxe para ver máis fotos
Parabéns familias!

Devorador do mes: Gabriel

Comezamos novembro cun novo devorador de libros. Gabriel foi o usuario da bilioteca que máis libros leu neste mes.
Parabéns!!!

miércoles, 30 de noviembre de 2016

Guirnaldas e postais de Nadal 2016

Coma todos os anos, convidámosvos a participar no Concurso de Postais de Nadal.
Lembrade que a postal elixida, será a que empregaremos dende o colexio para felicitar as Festas deste Nadal 2016 a toda Comunidade Educativa.




Asemade, pedimos a vosa colaboración para crear as manualidades de Nadal coas que faremos unha composición.


Nos vos esquezades de entregar as vosas creacións aos titores ou titoras!

martes, 29 de noviembre de 2016

Saída Museo de Pontevedra e Café Moderno

O venres 25 de novembro, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria realizamos  unha saída ao Museo de Pontevedra e ao  Café Moderno.

Primeiro visitamos o Museo, onde nos dividiron en dous grupos, 3º e 4º por unha banda, 5º e 6º por outra.
Os nenos e nenas de 3º e 4º dirixíronse á sala de pintura e escultura. Alí fixeron de detectives da arte. Tras unha pequena charla con nocións básicas sobre pintura e escultura, tiveron que seguir unha serie de pistas para atopar diferentes obras: retrato, bodegón, paisaxe, pintura abstracta, realista, pintura ao óleo, esculturas en madeira...

Nós, os de 5º e 6º, fomos ver a sala da Prehistoria. Para comezar, proxectáronnos un vídeo sobre esta etapa. Logo, déronnos un caderno con actividades e fomos buscando as respostas percorrendo unha sala tras outra.

A continuación, dirixímonos a pé ata o Café Moderno. Os compañeiros de 3º e 4º, xunto co mestre Tito, fotografiáronse coas esculturas de Castelao, Bóveda, Carlos Casar, Valentín Paz Andrade, Ramón Cabanillas e Manuel Quiroga na Praza de San José. 

No Café Moderno, unha guía  amosounos a exposición en pedra e madeira do escultor galego Francisco Leiro. Alén da visita, dividíronnos novamente en grupos para examinar polo miúdo as esculturas e completar una serie de tarefas.

Tamén participamos nun obradoiro de esculturas feitas en espuma. A verdade é que resultamos ser uns habelenciosos escultores!

Foi un día moi interesante e divertido!

Pincha na imaxe se queres ver máis fotos 

Sara, Aarón, Iker Loira e India 6º EP

lunes, 28 de noviembre de 2016

A cabaza encantada

Os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria elaboramos entre todos un conto ilustrado, un traballo en equipo que queremos compartir con todos vós: "A cabaza encantada".
Realizamos esta actividade de animación á lectura e escritura coa finalidade de mellorar á unión e a integración de todos os rapaces e rapazas do grupo-clase.



Esperamos que vos divirtades co conto tanto coma nós facéndoo!!

miércoles, 23 de noviembre de 2016

Mochilas Viaxeiras

Xa recollemos os primeiros traballos das Mochilas Viaxeiras.
Agardamos que esteades compartindo un bo momento en familia cos materiais seleccionados para cada curso.

Pincha na imaxe para ver os traballos





martes, 22 de noviembre de 2016

Magosto 2016

Acabamos de actualizar a entrada do Magosto cun vídeo sobre as actividades que fixemos ese día.
Para a súa elaboración contamos coa axuda de Sara e India de 6º de Primaria.
Se che apetece botarlle unha ollada, aquí o tes:

"Magosto, magosto, non vaias co posto...

...leva castañas e alegra ese corpo..."

Pois sí, o pasado venres celebramos no colexio o Magosto, levamos castañas e alegramos o corpo.
Primeiro, as castañas asadas e os bocadillos de chourizo. Deliciosos!!!


E despois, divertidos xogos dirixidos polos nenos e nenas de 6º de primaria.
Ata o tempo portouse ben e puidemos facelo todo ao aire libre.




































Foi un día xenial! 
Mirade o ben que o pasamos:



Podedes ver máis fotos premendo aquí.

domingo, 20 de noviembre de 2016

20 de novembro: Día Universal do Neno

O Día Universal do Neno é un día dedicado a todos os nenos e nenas do mundo.
O seu obxectivo é lembrar á cidadanía que os nenos son o colectivo máis vulnerable e; por tanto, os que máis sofren as crises e os problemas do mundo.
Este día mundial lembra que todos os nenos teñen dereito á saúde, a educación e a protección, independentemente do lugar do mundo no que nacese.



Dedicar un día internacional á infancia tamén serve para facer un chamamento mundial sobre as necesidades dos máis pequenos e para recoñecer o labor das persoas que cada día traballan para que os nenos e nenas teñan un futuro mellor.



viernes, 18 de noviembre de 2016

O POETA DO MIÑO


Co fin de promover a lectura, a creatividade e a comprensión oral en galego; esta semana, os cativos de 2º e 1º de Primaria, xunto cos de Infantil, participamos nun obradoiro de contacontos e debuxos sobre o libro "O poeta do Miño", rendendo así homenaxe a Manuel María.


A actividade, organizada polo colectivo "Polo correo do vento", resultounos moi divertida e interesante.

Primeiro, Enrique Mauricio argallou unha historia de xeito oral e empregando a linguaxe de signos; mentres, Carlos Taboada debuxou un mural relacionado coa historia.


Rematamos realizando cada un, coa axuda de Carlos Taboada, un debuxo de Manuel María amosando que somos uns grandes artistas!


 A creatividade non ten cancelas!!
Pincha na imaxe para ver máis fotos





                               
Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.