Xa temos gañadora do Concurso de Postais de Nadal 2016. A tarxeta seleccionada para felicitarvos as festas foi creada pola alumna de 2º curso... María Vilas Fernández.
Parabéns María!!
Aproveitamos a ocasión para convidarvos ao Festival de Nadal que celebraremos mañá mércores 21 de decembro.
Aquí vos deixamos o programa coas diferentes actuacións.
Non queremos irnos de vacacións, sen antes desexarvos, de parte de todo o profesorado do CEIP "A Carballeira"...
Como ben sabedes, nenos e nenas, o Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandingueiro, é unha figura lendaria galega que vive na Montaña e cada ano, o 24 de decembro ou o 31, baixa onda os nenos e nenas para ver como están.
Gústalle moito ver que os cativos están fartucos, que comen ben, e por iso entra pola cheminea para palparlles a barriguiña. Se están ben cheas, marcha contento e déixalles como agasallo algún dos xoguetes que el mesmo fabrica durante todo o ano; se non comeron, déixalles unhas castañas.
Para tranquilizar aos rapaces bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais e nais cantábanlles unha cantiga.
Aquí vos deixamos esta Cantiga do Apalpador que gravou Malvela. A letra é tradicional e a música púxolla Ana Senlle. As ilustracións son do conto "O Apalpador" de Xoán G. publicado por Biblos Clube de Lectores.
Estes últimos cursos, o día do Festival de Nadal, o Colexio ven realizando unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros para axudar ás persoas que máis o necesitan.
Este ano, non podiamos faltar ao noso compromiso con esta iniciativa e organizamos a “Operación Quilo” o día do Festival de Nadal, mércores 21 de decembro.
Todas aquelas familias que desexen colaborar, poderán entregar no centro a súa doazón antes da entrada ao Festival. Todos os alimentos recadados serán entregados ao “Banco de Alimentos” da zona para ser distribuídos.
As aulas de 5º e 6º de Primaria participamos nos proxectos ABALAR e E-dixgal.
Como ben sabedes, ambos proxectos buscan a integración plena das TICs na práctica educativa.
Froito do labor investigador, publicamos algúns dos traballos ideados polo alumnado.
En primeiro lugar, presentámosvos un traballo sobre a Antártida.
Tamén queremos reflectir neste post outra investigación sobre Antártida:
Finalizamos engandindo as pescudas sobre o cume de novembro en Marrakech, organizado arredor do quentamento global.
Todas as dinámicas que desenvolvemos nas aulas ABALAR e E-DIXGAL, contribúen enormemente á Alfabetización Informacional (adquisición de competencias de uso, tratamento e produción de información en diferentes soportes e formatos), integrando a cultura impresa e a dixital.
A comprensión lectora é fundamental para desenvolver o pensamento, enriquecer o vocabulario e aprender, sen darnos conta.
A través do programa “HORA DE LER” e coa finalidade de desenvolver no alumnado a Competencia Lingüística, ao longo destes cursos, estamos levando a cabo no centro actividades de fomento de lectura que non só se centran na habilidade lectora senón tamén no interese pola lectura.
No colexio dedicamos 30 minutos diarios da primeira sesión á “Hora de Ler“ e fixamos entre os itinerarios lectores o libro “Gordiño Recheo”.
Escollemos este libro pola relación que existe entre esta historia (a alimentación non saudable provoca enfermidades coma colesterol, hipertensión é obesidade) e o noso PDI “Alimentación Saudable”.
Xa estamos sumerxidos de cheo na lectura desta obra. Nas aulas estamos a empregar diversas técnicas de lectura que van dende a lectura en voz alta á lectura en voz baixa, da lectura individual á lectura colectiva.
A presentación do libro aos cativos de 1º, 2º e 3º de Primaria, foi preparada e realizada por Aarón e Sara de 6º.
Detivéronse na portada, o título, a autora, o protagonista, a idea principal...
Despois da exposición, organizaron e dirixiron un coloquio no que participaron todos activamente.
En definitiva, diferentes formas de traballar a lectura coas que pretendemos que os rapaces e rapazas logren un óptimo nivel de comprensión e expresión.
Os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria estamos realizando a actividade "Maleta Viaxeira". Levamos a casa unha maleta baleira onde gardamos varios obxectos (libros, xogos, fotos...) que sexan moi significativos para nós.
Logo, voltamos con ela chea ao colexio e presentámoslle aos nosos compañeiros e compañeiras o seu contido. Explicamos porque os eliximos.
Esta dinámica empregámola para reforzar a unión do grupo e mellorar o coñecemento de todos nós.
Asemade, fomenta actitudes de respecto dos nenos cara ao protagonista, aprendemos a escoitar, repectar turnos, falar en público ...Deste xeito, traballamos a expresión e a comprensión oral.
O día que temos que expor, somos os heroes e heroínas do grupo!
No blog de escrita do colexio, Enfiando Palabras, tedes unha recompilación dos traballos realizados polos nenos e nenas de Primaria que participaron na saída ao Museo e o Café Moderno de Pontevedra.
Cada 6 de decembro celebramos en España o Día da Constitución.
A Constitución, aprobada no ano 1978, é a lei máis importante de España e nela aparecen: - Os dereitos de todos os españois (dereito á educación, a saúde, a igualdade ...) - Os nosos deberes (respectar as leis, protexer o medio ambiente ...) . - O funcionamento do Goberno en España. - A organización do territorio.
Para que a entendades dunha forma divertida, deixámosvos esta actividade TIC da Junta de Castilla e León.
«Traballemos xuntos en prol da participación plena e en condicións de igualdade das persoas con discapacidade nun mundo inclusivo e sustentable que acolla á humanidade en toda a súa diversidade».
Mensaxe do Secretario Xeral das Nacións Unidas,
Día Internacional das Persoas con Discapacidade
O día 3 de decembro foi proclamado como Día Internacional das Persoas con Discapacidade na Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 1992.
Logo Nacións Unidas: Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Este ano céntrase en promover os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) necesarios para alcanzar o futuro que queremos, e destacar o papel que desempeñan estes obxectivos recentemente establecidos na construción dun mundo máis inclusivo e igualitario para as persoas con discapacidades.
Para rematar, recomendámosvos unha curtametraxe infantil sobre discapacidade: "El cazo de Lorenzo". Pretende fomentar a aceptación da diversidade funcional (persoas que non poder camiñar, falar, ver, oír...) con naturalidade e sen prexuízos, ao mesmo tempo que axuda a descubrir e aceptar as nosas propias capacidades e limitacións.
A través deste curto, podemos tratar cos nenos a gran diversidade de persoas que nos rodean, partindo de que esas diferenzas non lles converten en seres alleos con necesidades distintas. Todos necesitamos amor, enfadámonos, frustrámonos... A todos nos doen e nos fan sorrir as mesmas cousas.