sábado, 29 de abril de 2017

Cóntame un conto!

Co motivo do Día do Libro, esta semana levamos a cabo a actividade máis esperada polos pequerrechos do cole, ¨Cóntame un conto", onde as familias viñeron a lerlles contos da nosa biblioteca. 

Tivemos a sorte de contar con Óscar, Noelia, Juan José, Sergio e Patricia para que enchesen de fantasía a aula de infantil cunhas historias marabillosas que tanto gustan aos pequenos.

O luns Óscar, o pai de Adrián, presentounos "La vocecita", un libro magnífico para ensinar aos nenos as normas de hixiene e o respecto cara aos demais.
                           
O martes Noelia, a nai de Mauro, tróuxonos "Elmer", unha historia xenial que nos serve para transmitir aos nenos valores como a amizade e o respecto polas diferenzas.
                           

O mércores tocoulle a Juan José, o pai de Breixo que contounos "Hai un tigre no xardín", un conto máxico que nos mostra o gran poder da imaxinación.

                            

O xoves Sergio, pai de Iris, leunos "A viaxe dos pingüins", álbum que nos fala dos perigos que ameazan a terra se a tratamos mal.

                           

E o venres Patricia, a nai de Manuel, rematou con "A casa da mosca chosca", unha divertida historia sobre unha mosca que decide facer unha casa e convidar os animais do bosque.

                          

Moitas grazas pola vosa labor!!

                      
Podedes ver máis premendo nesta ligazón:
http://infantilcarballeira.blogspot.com.es/search/label/C%C3%B3ntame%20un%20conto

viernes, 28 de abril de 2017

IV Certame Fotográfico: "Alimentación Saudable"

Xa estamos recibindo as primeiras fotografías do IV Certame Fotográfico. Sonche ben xeitosiñas!!!
Temos nenos creando animaliños comestibles, outros amosan os seus coelliños, as súas galiñas e os ovos tan peculiares que poñen...
Botádelle imaxinación e enviade as vosas creacións a bibliotecadochecho@gmail.com

Por se vos serve de axuda, aínda non temos a ninguén facendo a compra, na praza ou na carnizaría, cociñando ou xantando en familia, comendo iogures, peixe, carne, ovos, lácteos ou calquera alimento de orixe animal... Animádevos e participade!!

Agardamos as vosas achegas!!!

Obradoiro en sexto: "Educación para a Saúde 2"

Este xoves 27 de abril, asisitiu de novo ao colexio Inés, educadora social. Coa mesma intención do xoves pasado, darnos unha charla sobre a autoestima. 
Esta vez fixemos outro xogo. Comezamos escribindo na pizarra adxectivos positivos. Logo, Inés deunos unha folla coa silueta dunha cara en branco, puxemos na parte superior o noso nome. Debiamos escribir algo positivo de esa persoa, esa folla ía rotando por todos nós e cando acabamos miramos como nos debuxaran, escachamos coa risa!!!

Obradoiro 6º Primaria: "Educación para a Saúde 2" 
Despois, estivemos falando todos xuntos, en grupo. Falamos sobre o que pensabamos sobre o cambio de profesor, con algún que outro choro... Todo quedou nunha entretida conversa na que todos o pasamos fenomenal. 
Esta experiencia ensinounos que o mellor que temos son os nosos amigos; xa que sempre van estar aí, en calquera momento, para axudarte no que sexa.
Tanto a primeira charla como a segunda foron extraordinariamente amenas e divertidas!!
Sara, India e Aarón 6º

VII Certame Literario

Anímate a participar no VII Certame Literario!! 

O cociñeiro da Carballeira esta listo para expor todos os saborosos menús que nos acheguedes!!!


jueves, 27 de abril de 2017

Hora de ler... Gordiño Recheo

Case a piques de rematar o libro de Gordiño Recheo, hoxe durante a sesión "Hora de ler", os nenos e nenas de 1º de Primaria divertíronse cuns contacontos moi especiais ... as súas compañeiras de 2º!!!

María Vilas, María Iglesias, Daniela, Nerea e Noemi foron as encargadas de preparar e desenvolver esta actividade de animación á lectura na aula.
Non só leron formidablemente o capítulo 14 "Os meus retonzóns de barrriga", senón que, ademais, tíñanlles elaboradas unha preguntas aos rapaces e rapazas de 1º.  que atinaron sen dubidar.
Resultou unha agradable experiencia. Quen será o próximo contacontos???A vindeira semana saberémolo!!!
Moitas grazas rapazas por adicar o voso tempo á lectura!!!

miércoles, 26 de abril de 2017

Teatro musical: "A arca de Noé"

Onte, os nenos e nenas de 1º, 2º e 5º de Primaria gozamos dun espectáculo musical organizado no Pazo da Cultura pola Obra Social "La Caixa". Titulábase "A arca de Noé".
"A arca de Noé" é unha obra na que os animais son protagonistas. Estivo narrada pola actriz Jordina Biosca e acompañada pola música e os efectos sonoros de Mauricio Molina.
Durante a actuación, a actriz deleitounos cun monólogo no que relatou ás peripecias polas que pasou Noé para enfrontarse ao bíblico diluvio universal.
Narráounos como Deus inundou o mundo porque a xente se pelexaba. Só Noé e a súa familia libráronse pero Deus encargoulle a construción dunha arca de madeira de cor negra na que meteu unha parella de cada animal: saltóns, piollos, grilos, porcos, camelos, xirafas ...
Despois de moitos días, cansos de estar sós, ceibaron unha pomba que regresou cunha póla de oliveira no peteiro. Así, decatáronse de que baixaran as augas e podían retornar a terra. Ao final, volveron recrear o mundo.
               
Aínda que algúns pasamos medo ao principio, resultou unha obra de teatro moi entretida!!!
                                       Sergio, Yomara, Alejandro e Inés 5º

Enquisa Biblioteca do Checho

Ao longo deste curso, o Equipo da Biblioteca do Checho traballamos arreo para organizarvos actividades de animación á lectura e escritura, comprar novos materiais, pór en orde os andeis e a Bibllioteca, elaborar vídeos e exposicións, ter actualizado este blog... Asemade, participamos e promocionamos actividades que fomentasen a participación das familias. 
Co obxectivo de valorar o noso quefacer diario, e ter en conta a vosa opinión e percepción do labor realizado, pedímosvos un anaco do voso tempo para encher esta enquisa que nos servirá coma punto de partida para a programación das liñas de actuación do vindeiro curso. 
De antemán, agradecemos todas as vosas aportacións!!
Velaquí tedes o cuestionario:

lunes, 24 de abril de 2017

Día Internacional do Libro 2017

O pasado venres, xuntámonos na biblioteca do Checho para celebrar o Día Internacional do Libro; conmemoración celebrada a nivel mundial co obxectivo de fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual. O motivo de que se celebre o 23 de abril é o falecemento dos escritores Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega na mesma data no ano 1616.
Primeiro vimos un vídeo moi interesante sobre a importancia da presenza dos libros na nosa vida. 
Pincha AQUÍ para ver o vídeo
Despois, o alumnado de 3º de primaria falounos de Miguel de Cervantes e da súa gran novela "O Quixote".
E por último, alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria contáronnos o conto "A bolsa dos contos" a través dun teatriño de papel, o Kamishibai. 
Se queres ver máis fotos preme AQUÍ
Se queredes entretervos de novo con él, velaquí tedes o vídeo narrado e gravado polos compañeiros de 6º:

viernes, 21 de abril de 2017

Obradoiro en sexto: " Educación para a Saúde"

Este xoves, 20 de abril, os rapaces e rapazas de 6º de Primaria desenvolvemos na aula un Obradoiro para a Saúde centrado en Habilidades Sociais organizado polo Concello de Pontevedra.

Obradoiro "Habilidades Sociais" -CEIP "A Carballeira" - Lourizán by Slidely Photo Gallery
Asistiu ao colexio Inés, educadora social, para darnos unha charla sobre comunicación. Con ela fixemos varias xogos, falamos e divertímonos...Comezamos presentándonos. 


Logo, cada un realizou un carteliño co seu nome e, debaixo do nome, escribiu unha cualidade positiva propia que comezara coa súa inicial.


A continuación, explicounos que é a comunicación, para que serve e os tipos que hai.
Despois, fixemos unha serie de xogos. Durante o primeiro, un compañeiro saía da clase, e Inés elixía outro dentro, cando o elixido entrara na clase soamente con tres preguntas, cuxa resposta só podía ser SI ou NON, tiña que adiviñar quen era o compañeiro ou compañeira elixido.
O segundo xogo partía dunha lista con preguntas; os compañeiros, con amabilidade e respecto, iámonos interrogando para contestalas.
O seguinte xogo, tiña como obxectivo saber como se manipula a información de boca en boca cos rumores.
E no derradeiro xogo, guiándonos cun mapa e unha ruta ditada por un compañeiro, tiñamos que atopar o lugar ao que este quería chegar. 

O vindeiro xoves, continuamos co obradoiro e remataremos cunha segunda charla e máis xogos!!!
Sara e India 6º

jueves, 20 de abril de 2017

Hora de ler ... Gordiño Recheo

Hoxe, os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria volveron gozar dunha nova sesión de contacontos durante a "Hora de ler". Nesta ocasión, léronlles os capítulos 12 e 13 do libro Gordiño Recheo, " A competición da bosta e outras probas" e "Sangue de neno menor de 10 anos".
Os engargados de preparar a actividade esta semana foron: Sabela e Nerea de 3º máis Eloy e Yaiza de 4º.
A verdade..., foi moi entretido continuar coas historias de Zoel e Andrea Macarrón Groso.
Moitas grazas, Sabela, Nerea, Eloy e Yaiza por ser uns fabulosos lectores!!!

viernes, 7 de abril de 2017

IV Certame Fotográfico

Convocamos  o IV  Certame Fotográfico. Este curso, o tema, relacionado co noso PDI "Alimentación Saudable", céntrase principalmente nos alimentos de orixe animal.

Todos aqueles que desexedes participar, tedes de prazo ata o 12 de maio. As fotografías podédelas enviar por correo electrónico ao e-mail da biblioteca bibliotecadochecho@gmail.com ou ben entregalas persoalmente no colexio.
Agardamos a vosa colaboración!

Todo o que cae na rede é peixe!!!

Grazas ao Programa “O Sabor da Aventura está no Mar”, incluído no Plan Proxecta, esta semana os nenos e nenas do colexio gozamos dunha marabillosa saída a Bueu.
Comezamos a visita cun percorrido polo porto.
Alí, un monitor amosounos as diferentes embarcacións e as artes de pesca.
Logo, achegámonos ata a lonxa.
Explicáronnos como se descargan, clasifican, pesan e etiquetan o peixe e marisco; para posteriormente subastalo. Tamén puidemos catar ourizos de mar!!!
A continuación, achegámonos ata a Praza de Abastosde Bueu. 
As praceiras e praceiros dos diferentes postos tiñan á venda peixes e mariscos maiormente; aínda que tamén atopamos algunha carnizaría ou froitaría.
Despois de tanto camiñar  todos tiñamos moita larica; así que, a merenda mariñeira que preparamos con produtos do mar  foi unha autenticamente saborosa. 
Nese intre, tiñámolo moi claro…,  todo o que cae na rede é peixe!!!
Pincha AQUÍ se queres ver máis fotos

jueves, 6 de abril de 2017

Alimentación Saudable na prensa

Esta semana os rapaces e rapazas de 6º de Primaria, traballamos na aula dúas noticias moi interesantes que queriamos compartir convosco.
A primeira foi publicada o 4 de abril no Faro de Vigo e titúlase "Consejos para evitar la obesidad infantil".
Imaxe do Faro de Vigo. Pincha nela para acceder á noticia
A segunda, publicada no Diario de Pontevedra o 5 de abril, leva por título "A guerra ao aceite de palma chega ao Congreso para a súa prohibición".
Imaxe da noticia do Diario de Pontevedra. Pincha para acceder á información
Ambas as dúas, considéramolas moi moi importantes pola súa estreita relación co noco PDI deste ano "Alimentación Saudable".
Animámosvos a que as leades!

miércoles, 5 de abril de 2017

Hora de ler... Gordiño Recheo

Este mércores, voltamos cos contacontos en 1º e 2º de Primaria na Hora de Ler. Ariadna e Marcos encargáronse de lernos o capítulo 11 "Os Carpanta e os Popeie".
Coma sempre, resultou moi entretido. Seguímos o capítulo lendo en voz baixa e escoitando atentamente o relato dos compañeiros.
Falamos de libros, diarios, dos alimentos verdes e amarelos que nombran no capítulo, a importancia do deporte para estar sans... Entre todos buscamos esa información no libro.
En definitiva, unha sesión do máis interesante.
Grazas, Ariadna e Marcos, pola vosa sesión de contacontos!!!
Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.